gondomar.tv
> Destacamos
Como se traballa para o día de Corpus en Gondomar
Como se traballa para o día de Corpus en Gondomar
Estudios de grabación en Auga da Laxe
Estudios de grabación en Auga da Laxe
Tomas falsas
Tomas falsas
Gondomar Fútbol Base
Gondomar Fútbol Base

IMG_1638

Comunicado de prensa da Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro:

A Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro convoca para este domingo día 11 de maio a V Andaina en defensa da serra do Galiñeiro. Unha andaina que como nas edicións anteriores terá un marcado carácter reivindicativo. A xornada incluirá un roteiro a través da serra do Galiñeiro, que nesta ocasión discurrirá pola vertente leste da mesma, ascendendo ademais a algúns dos lugares máis prominentes desta formación montañosa, como son A Cova da Becha e o cume de A Garita. O xantar e os actos centrais da xornada terán lugar no Castro de Erville, no concello de Mos.

SERRA DO GALIÑEIRO, PARQUE NATURAL

Desta volta, o motivo principal da xornada será reclamar a protección da serra do Galiñeiro baixo a figura de PARQUE NATURAL.

A serra do Galiñeiro precisa, hoxe máis ca nunca, a súa catalogación como espazo natural protexido. Esa catalogación debe realizarse mediante unha categoría de protección efectiva, que conxure as ameazas que enfronta actualmente este espazo natural. O parque integraría a totalidade das cotas altas da serra, e formularíase como unha ampliación do actual Parque Natural do Monte Aloia (que se sitúa precisamente no extremo sur da mesma serra do Galiñeiro).

A serra do Galiñeiro cumple coas condicións esixidas para ser declarada Parque Natural, dacordo coa Lei 9/2001 de conservación da natureza. Temos que destacar nomeadamente a beleza e espectacularidade dos cumes e formacións rochosas da serra, a singularidade das súas formacións xeomorfolóxicas, a variedade e riqueza das súas comunidades biolóxicas e os seus valores educativos e científicos, así como a importante función social que exerce a serra do Galiñeiro nunha área xeográfica tan densamente poboada como son o concello de Vigo e os vales da Louriña e O Miñor.

Esta reivindicación fundaméntase na suma de todos estes valores, así como na existencia actual dun parque natural no extremo meridional da serra. Para o propio Parque Natural do Monte Aloia, a ampliación constitúe unha necesidade vital, pois permitiríalle aumentar a súa reducida superficie, así como incorporar novos e importantes valores de tipo paisaxístico, xeolóxico e biolóxico, ademais dun destacado patrimonio histórico e arqueolóxico, con elementos tan valiosos como a fortaleza altomedieval do Galiñeiro e os petróglifos de Auga da Laxe.

Esiximos, polo tanto, que se retome a tramitación da declaración da serra do Galiñeiro como Parque Natural, un proceso que xa fora iniciado pola Administración no ano 2008, sendo interrumpido e anulado sen nengún tipo de explicación por parte do actual goberno galego.

PRINCIPAIS AMEAZAS

Diversas accións e actividades cun alto impacto ambiental veñen afectando á serra do Galiñeiro desde hai décadas: canteiras de granito, monocultivos forestais, depósitos de entullos, a acción continuada de quads e de motocicletas de cross e de trial…

Sen embargo, nestes últimos anos xurdiron dúas ameazas particularmente graves, que de levárense a cabo suporían a degradación irreversibel da serra do Galiñeiro ou mesmo a súa propia desaparición física.

O Proxecto de parque Eólico Serra do Galiñeiro

Entre as ameazas que enfronta actualmente a serra do Galiñeiro, unha das máis coñecidas é o proxecto de parque eólico impulsado pola multinacional norteamericana Element Power. Durante o trámite de exposición pública, a Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, diversos colectivos sociais e entidades de todo tipo, así como máis de 5000 persoas a título individual presentamos alegacións ao proxecto, esixindo a retirada do mesmo. Superada esta fase da tramitación, correspóndelle á Consellaría de Economía e Industria da Xunta de Galicia tomar unha decisión definitiva sobre o proxecto, emitindo a preceptiva Declaración de Impacto Ambiental. Esta fase final, que pechará o procedemento de Avaliación de Impacto Ambiental, aínda non está concluída.

Minaría

Como no caso anterior, a ameaza mineira deriva asimesmo da ordenación dos recursos naturais e do territorio que está a realizar a Consellaría de Economía e Industria da Xunta de Galicia. Unha Orde da citada consellaría (publicada o día 7 de febreiro de 2013) sacou a concurso diversos “dereitos mineiros” que quedaran caducados na provincia de Pontevedra. Varios destes dereitos afectan directamente á serra do Galiñeiro, e sumados aos dereitos actualmente en vigor supoñen que a práctica totalidade da serra foi dividida en “cotos mineiros”, a disposición daquelas industrias que pretendan a explotación a ceo aberto de granito ou do grupo de minerais denominados “Terras Raras”.

Do mesmo modo que acontece no caso do proxecto eólico, tamén aquí a explotación correría a cargo de empresas transnacionais, que amparadas na declaración administrativa de “ utilidade pública ” consiguen aplastar na maior parte dos casos a oposición da sociedade civil e dos mesmos propietarios da terra, destruíndo en poucos anos e de maneira irreversibel o territorio.

O ameaza de explotación a ceo aberto de Terras Raras na serra do Galiñeiro, visualizouse nun primeiro momento pola presentación do permiso de investigación Galiñeiro 3.128, realizada polo fondo de investimentos sudafricano Umbono Capital. Aínda que a multinacional declarou publicamente a súa renuncia ao proxecto, o desmembramento da serra do Galiñeiro en numerosas cuadrículas mineiras por parte da Consellaría de Economía e Industria, supón que en calquer momento pode xurdir unha nova ameaza mineira nun punto calquera da serra.

Adxuntamos o cartaz co percorrido e os actos desta V Andaina. Para máis información:

Correo: serradogalinheiro@gmail.com
O noso enderezo web: http://www.serradogalinheiro.org http://www.facebook.com/Serra.do.Galinheiro

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Ahora en @gondomar_tv

Concello de Gondomar ift.tt/1LOAAyc #Gondomar

Foto al minuto

IMG_0810

Últimos comentarios

El tiempo en Gondomar

Tiempo en Gondomar

Síguenos en…

Síguenos en Facebook Síguenos en twitterSíguenos en Youtube Enlaza nuestras noticias