A sesión de peche de tempada 2013-2014 do Lendo Contigo celébrase a tarde-noite do venres 30 de maio na Casa da Lectura a partir das 20:00h. O libro proposto para este último mes é Desde unha estrela distante (Xerais, 2013), a historia de amizade dunha nena e un extraterrestre escrita por Agustín Fernández Paz. Con este motivo, o club despedirase ata o outono cunha festa alieníxena na Casa da Lectura.
Cea compartida e baile de disfraces
A actividade rematará cunha cea compartida (prégase ás familias que poidan que contribúan con algunha comida doce ou salgada) e cun baile de disfraces, polo que se convida a que se leve un disfrace relacionado co espazo, cos extraterrestres… en homenaxe á historia que narra o libro.
Carlos Negro, que xa participara nas actividades do Comando Le impartindo un obradoiro de poesía, volve a Gondomar para falar cos rapaces do seu último poemario, Penúltimas tendencias, un libro de versos que rompen as costuras do silencio, un diario onde unha adolescente convulsa e opaca atopa a voz que nunca tivo, un álbum secreto para todas aquelas mozas que tentan ir máis alá da gaiola rosa dos contos de princesas, fuxindo da ditadura dos espellos.
A sesión pecharase cunha cea compartida e diversos xogos poéticos cos que remata a tempada 2013-14 do Comando Le, que estivo dedicada á poesía e a música.
Grazas pola vosa atención.
O equipo de Espazo Lectura.
Deja una respuesta